MUSO DE NÓS NUCO (Dourado)

Museo de escultura De Nós, Nuco: con frecuencia visito o museo do admirado Nuco. A última fíxenlla en xullo pasado. E, coma decote, quedei marabillado. Pero o mércores pasado, outro grande amigo, o poeta Eduardo Vázquez Vidal, díxome que o acompañara ao citado museo. Intrigoume, porque Eduardo sempre garda algunha carta sorprendente na manga. Non me foi posible que a desvelara. Cun enigmático "xa verás", emprendemos o camiño. Crin que o artista Robustiano Losada, Nuco, xa non me sorprendería con novas marabillas. Errei! Nuco sempre sorprende, non só con novos aspectos das obras que xa tiña visto co privilexio da súa sabia explicación, senón tamén con novas xoias esculturais. De novo, quedei tan abraiado que xa non sei se admirar máis o xenio creador e orixinal do artista ou o prodixio das súas obras. En Consecuencia, non me esforzarei en intentar describilas. Tomarei algúns versos de Eduardo, que tiña preparado un poema para a ocasión (velaí o segredo):

"Apaixonantes anceios/ en extasiadoras olladas ós devanceiros,/ escrutadoras desde atalaias panorámicas,/ conformaron o teu improfanable palacio". Esta estrofa compleméntase con algunhas outras, coma, p.e., estas: V.- Levitador nas transcendencias,/ soñas nas grandezas de vidas e mundos;/ constantes os desvelos en quefaceres/ e consecuentes conviccións nos compromisos. VI.- Foches, es e serás ave vogadora nas alturas,/ peixe nas abismais simas virxinais;/ na terra, peregrino mensaxeiro:/ exemplar nutridor de almas. VII.- Nos vieiros de Castelao/ e de tódolos Bos e Xenerosos,/ recolléchelos fachos irradiantes de luz e de quenturas:/ símbolos de sabedoría e amor".